Photo by Artem Asset on Unsplash
O mar de Aral era o cuarto mar interior máis grande do mundo (con 68.000 km² de superficie), e en tan só 60 anos viuse reducido a dous pequenos lagos e un enorme deserto. É dicir, un mar case do tamaño de toda Irlanda, evaporado nunhas décadas. Esta é unha desas tristes historias nas que podemos ver en pouco tempo as desastrosas consecuencias das accións do home.
Este lago endorreico estaba só por detrás do mar Caspio, o lago Superior e o lago Victoria. A súa formación era relativamente recente e crese que se formou entre o pleistoceno e o holoceno (as dúas últimas épocas xeolóxicas), hai non máis de 20.000 anos. Os ríos Amu Daria e Sir Daria desembocaban no mar Caspio ata que os diversos cambios xeolóxicos illaron a cunca e os ríos comezaron a enchela. Esta orixe tan recente foi unha das razóns polas que un grupo de enxeñeiros da Unión Soviética declararon o mar de Aral un «erro da natureza».
Pero como puido pasar?
Para explicalo, temos que tirar un pouco de historia. Intentarei ser breve, aínda que non é doado.
En 1928 Stalin presenta o primeiro Plan Quinquenal, dirixido polo Comité Estatal de Planificación (Gosplán/Госпла́н), cos obxectivos de desenvolver a agricultura e a industria pesada da URSS. Durante este período completouse o proceso de colectivización da terra. Foron creados os inmensos kolkhóz (колхоз) que se estendían por miles de hectáreas e nos que traballaban milleiros de campesiños.
Ademais dos cereais e outros produtos para alimentar a poboación, necesitaban materias primas para a industria do estado. Unha das principais era o algodón.
Así, durante os anos 30 do século XX crearon enormes campos de cultivo de algodón, especialmente na República Soviética de Uzbekistán, en Asia Central. Esta rexión —na que tamén se atopan Kazakhstán, Kirguizistán, Tadjiikistán e Turkmenistán— é unha das máis áridas do continente, con vastos desertos e estepas, polo que para poder cultivar era necesaria a implantación de sistemas de regadío. Durante as seguintes décadas foron construíndo canais abertos que obtiñan a auga dos dous principais ríos da rexión —o Amu Daria e o Sir Daria—, que eran os que alimentaban o mar de Aral.
Debido á rápida expansión dos cultivos, ao crecemento da poboación na zona e á pésima calidade da construción dos canais, a cantidade de auga que se desviaba era cada vez maior, deixando moi pouco caudal para manter o mar de Aral.
O da calidade dos canais é algo no que me quero deter un intre. Estaban tan mal construídos e mantidos, que se estima que da auga que se desviaba dos ríos, aproximadamente un 70% se evaporaba ou se filtraba ao chan sen chegar aos campos. É máis, os últimos datos dispoñibles indican que hoxe só unha pequena porcentaxe das canalizacións están impermeabilizadas. A perda de auga aínda está por riba do 45%. É dicir, que entón e agora se desvía moitísima máis auga da que realmente se precisa para os cultivos.
En 1948 Stalin presenta o Gran Plan para a Transformación da Naturaleza (великое преобразование природы) como resposta á terrible seca de 1947, que se estima causou a morte a entre 500.000 e 1.000.000 de persoas. Este plan implicaba a construción de máis e maiores sistemas de regadío, especialmente en Asia Central.
É a partir da década de 1960 cando se empezan a ver os efectos desta política agrícola. O Gosplán, xa con Khrushchev como líder da URSS, marca como obxectivo a aceleración do crecemento da produción agraria e nun informe de 1968 un enxeñeiro soviético asegura que «é evidente para todo o mundo que a desaparición do mar de Aral é inevitable». Durante esta década o nivel do mar descendeu unha media de 20cm cada ano. Nos 70 o descenso acelerouse ata os 50-60 cm anuais e na década de 1980 a media estaba entre 80 e 90 cm por ano.
Tras o colapso da Unión Soviética, a explotación das augas e a velocidade de desaparición do lago non se reduciron. Así, en 1998 a súa superficie xa se reducira nun 58% con respecto a 1960.
Hoxe en día, algunhas zonas cubertas de auga aparecen e desaparecen coas precipitacións e o desxeo, pero a maior parte do lago é un deserto de sal. A redución da súa superficie rolda o 85%.
Non todo é seca no Mar de Aral…
Pensabas que o desastre non podía ser peor? Pois estabas equivocado. Hai máis.
Pesticidas
Todos eses cultivos de algodón que foron deixando sen auga ao Mar de Aral, deron a cambio pesticidas. Durante décadas se foron vertendo enormes cantidades de pesticidas ao minguante lago. Eses pesticidas non marcharon a ningures e están misturados co sal do fondo e que agora está ao descuberto.
As tormentas de area e sal que cada vez son máis frecuentes, levantan estas nubes de pesticidas —específicamente compostos organoclorados, compostos de bifenilo policlorado (PCB), compostos de DDT e TCDD— intoxicando a fauna e a poboación da rexión. Detectáronse estes produtos tóxicos no sangue e o leite materna das nais da zona, que á vez os transmiten aos seus fillos. Moitos nenos nacen con pouco peso (ata o 26% dos nacementos) ou con malformacións (cunha taxa cinco veces superior á dos países europeos).
A disfunción renal tubular é unha patoloxía habitual en nenos da rexión, o que pon en risco as súas vidas e en xeral afecta ao ritmo de crecemento. A isto hai que sumar que a infraestrutura sanitaria da rexión é practicamente inexistente e o acceso a tratamentos e fármacos é escaso.
A Illa Vozrozhdeniya, Aralsk-7 e Barkhan
Pero espera, aínda hai máis. En 1948 a Unión Soviética elixiu a illa Vozrozhdeniya no Mar de Aral para construír un laboratorio secreto de desenvolvemento de armas biolóxicas. Nas instalacións da illa desenvolveron armas baseadas na varíola, o ántrax, a peste negra, a brucelose ou a tularemia, entre outros.
En 1954 as instalacións foron remodeladas e ampliadas, utilizando outra illa veciña, a Komsomolskiy. Tamén se construíu unha pequena cidade para albergar aos traballadores dos laboratorios: Kantubek (oficialmente Aralsk-7). O nome en clave do complexo era “Barkhan“, oficialmente 52º Laboratorio de Investigación de Campo (LIC-52).
Os experimentos
Os detalles exactos sobre os experimentos realizados en Barkhan son aínda difusos e só podemos elucubrar sobre os extremos aos que chegaron nas probas. Si sabemos que experimentaron en animais con estas armas biolóxicas (cans, coellos, ratas, cobaias e mesmo algúns babuínos) e que utilizaron sangue de reses e cabalos criados a propósito para obter soro onde reproducir as cepas. As descricións do lugar, con todo, fan pensar. Aquí un exemplo de Vladímir Brovkin:
«O edificio do laboratorio e os cuarteis adxacentes son inusuais e misteriosos. A xulgar polas inscricións e placas ben conservadas, algúns cuarteis estaban habitados na maior parte por mulleres. As súas condicións de vida indican que o máis probable é que fosen prisioneiras. No propio edificio do laboratorio equiparon con cadeiras xinecolóxicas varias salas que se asemellan ás salas de exame. A habitación contigua só tiña unha porta herméticamente pechada. Un tubo de aceiro inoxidable descende desde o teito, a un metro baixo o chan. Noutra habitación hai varias ducias de manequíns masculinos e femininos fermosamente elaborados con brazos e pernas flexibles. Consérvase unha rica biblioteca de bioloxía e un enorme almacén de todo tipo de frascos e utensilios especiais.»
O incidente
O 30 de xullo de 1971, baixo o control da Biopreparat (Биопрепарат, a axencia soviética de guerra biolóxica), tivo lugar un accidente no laboratorio que provocou a liberación de 400g do virus da varíola. O xeneral Pyotr Burgasov, ex-médico xefe de sanidade do exército soviético, ex-viceministro de sanidade soviético e investigador principal do programa soviético de armas biolóxicas, describiu o incidente da seguinte maneira:
«Na illa Vozrozhdeniya no Mar de Aral, probáronse as receitas máis fortes da varíola. De súpeto, informáronme de que había misteriosos casos de mortes en Aralsk (Aral). Un barco de investigación [o Lev Berg] da frota de Aral achegouse a menos de 15 km da illa (estaba prohibido achegarse más de 40 km). A técnica de laboratorio deste barco tomaba mostras de plancton dúas veces ao día desde a cuberta superior. A formulación da varíola -400 g dos cales explotaron na illa- pillouna e infectouse. Despois de voltar a casa en Aralsk, infectou a varias persoas, incluíndo [dous] nenos. Todos eles morreron. Sospeitei a razón disto e chamei ao Xefe do Estado Maior do Ministerio de Defensa e pedinlle que prohibira a parada do tren de Alma-Ata-Moscú en Aralsk. Como resultado, evitamos a epidemia en todo o país. Chamei a [quen sería Secretario Xeral do PCUS Yuri] Andrópov, que nese momento era Xefe da KGB, e informei da receita exclusiva da varíola obtida na illa Vozrozhdeniya.»
Esta fuga fixo que dez persoas contraeran a varíola e que tres delas —non vacinadas— morreran.
O desmantelamento
Coa caída da URSS, as instalacións de Barkhan e Aralsk-7 foron evacuadas e desmanteladas en novembro de 1991. Kantubek converteuse nunha cidade pantasma. Despois dos ataques terroristas con ántrax de 2001 en Estados Unidos, xurdiron sospeitas de que as esporas utilizadas poderían proceder destas instalacións, aínda que despois se demostrou que non era así. En calquera caso, en 2002, máis de unha década despois do seu abandono, realizouse unha operación de descontaminación dos dez depósitos de carbuncho que había na zona.
O presente
O presente ten boas, regulares e malas noticias. E como son un pouco masoquista, comezo polas malas.
As malas noticias
A cunca do Mar de Aral considérase hoxe un ecosistema colapsado. Como dicía, a superficie actual do Mar de Aral é duns 10.000 km². Algúns anos, incluso menos.
A biodiversidade prácticamente desapareceu no Mar de Aral do Sur, no que só quedan algúns microorganismos halófilos, é dicir, que poden vivir en augas salobres. Un exemplo é a Artemia Parthenogenetica, un minúsculo crustáceo do que se alimentaban os peixes da zona.
No seu día, o Mar de Aral proporcionaba traballo a máis de 40.000 persoas que vivían da pesca e se estima que producía unha sexta parte de todas as capturas da Unión Soviética. Desde os anos 80 non hai pesca no Mar de Aral do Sur, debido á elevadísima salinidade da auga.
As noticias regulares
O Mar de Aral do Norte está algo mellor. En outubro de 2003 o goberno de Kazakhstán tomou a decisión de construír un encoro no estreito de Berg, que separa a parte norte do sur deste mar. Durante anos se construíran diques de area e grava, pero debido ao deficiente mantemento, duraban moi pouco.
O encoro permitiu que o nivel da auga no Mar de Aral do Norte ascendera varios metros. A salinidade tamén se reduciu ata acadar os 8g/l, revitalizando o ecosistema e o volume de capturas neste lado.
Porén, embalsar a auga do Mar de Aral do Norte condena aínda máis ao sur. A cantidade de auga que chega agora é mínima, acelerando o proceso de desertización da cunca ao sur do encoro.
As boas noticias
Ningunha. Polo menos, ningunha real. O que si podo dicir é que aínda hai lugar para a esperanza. Hai moitas cousas que se poden facer para recuperar o Mar de Aral, pero requiren da vontade e da inversión dos países da contorna e da comunidade internacional.
Posibles solucións e melloras
Propuxéronse bastantes medidas que poderían mellorar a situación do Mar de Aral. Combinadas poderían mesmo recuperalo.
Mellorar as canles de irrigación. Como comentaba ao principio, máis do 45% da auga que discorre por estas canles se perde por evaporación ou por filtración á terra. Unha impermeabilización correcta e un bo mantemento permitirían sustentar os campos de cultivo perdendo moita menos auga, que iría ao mar.
Utilizar especies de algodón alternativas. Existen variedades de algodón que non precisan tanta auga para medrar, reducindo así as necesidades de auga.
Reducir o uso de pesticidas nos cultivos. Do mesmo xeito que se poden escoller outras variedades de algodón, tamén se poden elixir outros produtos fitosanitarios que non sexan contaminantes.
Limpar e recuperar a cunca. Isto implica un grande investimento, incluso coa participación de voluntarios. Pero do mesmo xeito que o Banco Mundial financiou parte do encoro de Kokaral, se poden facer investimentos similares para recuperar este ecosistema.
Transvasar auga de outras cuncas ou de Siberia. O transvasamento de auga sempre foi unha medida polémica, polos efectos medioambientais que se poden ocasionar se non se estuda cada caso. Porén, unha vez solucionadas as deficiencias iniciais do Mar de Aral, sería interesante considerar a posibilidade de transvasar auga en cantidades razoables desde outros puntos, sempre que non prexudique eses outros ecosistemas.
Posible bonus track
Xa que falamos de Asia Central e dos países que a conforman, coido que sería interesante escribir sobre o tema dos cultivos de algodón en Uzbekistán. Lembrádemo.

